TEMA 8: CITOLOXÍA
O DESCRUBRIMENTO DA CÉLULA E A TEORÍA CELULAR
Os primeiros coñecementos sobre a estrutura celular dátanse no 1665, cando o inglés R.
Hooke publicou os resultados das súas observacións de tecidos vexetais cun microscopio
construído por el mesmo, duns 50 aumentos, onde describe “celiñas” poliédricas formando
parte de tecidos vexetais como o cortiza. Foi él que acuñou por primeira vez o termo célula
(do latín cellulae: celiñas, compartimento). A partir de 1674 século, A. Van Leeuwenhoek
conseguiu observar o mundo dos microorganismos (protozoos e bacterias) ou mesmo os
glóbulos vermellos, utilizando un microscopio simple (duns 200 aumentos) que el construíu.
Os instrumentos e técnicas de observación foron perfeccionándose lentamente e, ata o
século XIX, non se realizaron novos descubrimentos. Así, en 1813, R. Brown descubriu un
corpúsculo nas células vexetais ao que denominou núcleo. J.Y. Purkinje en 1839 emprega
o termo protoplasma para falar do contido viscoso da célula.
Porén, un dos principais fitos na historia da bioloxía celular foi o establecemento da teoría
celular, baseado nas observacións reiterada sobre as células vexetais, a cargo de
M.J.Schleiden en 1838, e sobre células animais, T.Schwann en 1839. Estes foron os
primeiros investigadores que universalizaron á célula como unidade de vida: unidade
morfolóxica, todos os seres vivos están constituídos por unha ou máis células e
fisiolóxica, a célula é quen de realizar todos os procesos metabólicos necesarios para
permanecer con vida. En 1855 Wirchow ampliou a teoría celular co seu “omnis cellula ex
cellula” é dicir, toda célula provén, por división, doutra. Posteriormente e grazas aos
coñecementos adquiridos no campo da xenética, engadiuse un cuarto principio á teoria
celular: a célula é a unidade xenética autónoma dos seres vivos, xa que contén toda a
información sobre a síntese da súa estrutura e o control do seu funcionamento e é capaz de
transmitila a os seus descendentes.
De tódolos xeitos, parecía haber unha excepción, pois o tecido nervioso amosaba unha
constitución reticular, na que non era posible diferenciar unidades celulares. Foi Santiago
Ramón y Cajal, en 1902, quen demostrou que as neuronas eran independente entre si e
constituían a unidade anatómica e funcional do sistema nervioso. Así, Ramón y Cajal daba
valor universal á teoria celular, pois quedou xeneralizada a todas as células.
A teoría celular actualmente resúmese nos seguintes puntos:
➔ Todos os organismos vivos están constituídos por unha ou máis células, polo que se
pode afirmar que a célula é a unidade estrutural dos seres vivos.
➔ A célula é a unidade fisiolóxica dos seres vivos, xa que as reaccións metabólicas
que se producen nun organismo teñen lugar dentro dela.
➔ Toda célula se orixina a partir doutra célula xa existente.
➔ As células conteñen a información hereditaria dos organismos dos que forman parte.
Esta información xenética pasa da célula nai á célula filla.
MÉTODOS DE ESTUDO DAS CÉLULAS
69
, Os avances no coñecemento das células, tanto da súa estrutura coma no seu
funcionamento, estiveron e están ligados ao desenvolvemento de instrumentos de
visualización e de métodos bioquímicos de análise.
1. Os microscopios.
Son instrumentos que nos permiten observar imaxes aumentadas de obxectos moi
pequenos como as células. Existen basicamente 2 tipos de microscopios: o microscopio
óptico e o microscopio electrónico.
O microscopio óptico.
Pode aumentar as imaxes das células ata unhas 1000 veces (nivel estrutural). Está
constituido por dúas lentes de aumento denominadas ocular e obxectivo, e utiliza os
fotóns de luz visible para realizar as observacións. Os raios luminosos, que proceden
dunha fonte de luz, inciden sobre a preparación, previamente atravesaron o condensador,
outra lente que concentra os raios de luz sobre a mostra, obténdose así unha maior
iluminación e atravésana ata chegar a lente do obxectivo do microscopio. Esta recolle os
raios luminosos e os proxecta cara ó ocular, onde percibimos a imaxe aumentada, as dúas
lentes aumentan a imaxe.
As mostras biolóxicas deben ser finas, duns micróns de espesor para que a luz poida
atravesalas. O poder de resolución dun microscopio óptico, é a distancia mínima para que
dous puntos próximos se vexan como puntos diferentes, é de 0,2 μm.
A amplificación total que da un microscopio óptico é o produto dos aumentos debidos ó
ocular e ó obxectivo. Por exemplo, para un obxetivo de 10 aumentos (10x) e un ocular de 4
aumentos (4x) a imaxe observada é 40 veces maior que a realidade.
Hai diferentes tipos de microscopios ópticos. O microscopio de campo claro, que é o máis
común (nos laboratorios dos ies), só permite visualizar células mortas xa que estas deben
estar fixadas e tinguidas. Outros permiten observar células vivas, como o de campo escuro
e o de contraste de fases (nestes non é necesario tinguir). Outro tipo é o microscopio de
fluorescencia, que emprega un colorante fluorescente para marcar moléculas específicas
dentro das céluas e observalas, brillantes sobre un fondo oscuro.
Procedemento de preparación da mostra para microscopía óptica:
70