TEMA 9: CÉLULA PROCARIOTA
ORGANISMOS PROCARIONTES
Son seres vivos con células, denominadas procariotas, que pertencen ó Reino Monera.
Entre eles están, as arqueas ou arqueobacterias (ou bacterias primitivas), as eubacterias
(ou bacterias verdadeiras), grupo no que se inclúen as cianobacterias, antes chamadas
algas cianofíceas ou algas verde azuladas, e os micoplasmas.
As células procariotas son moi sinxelas e de pequeno tamaño, o seu diámetro oscila entre 1
e 10 μm, A súa características princpal é a de carecer dun auténtico núcleo, o material
xenético atópase disperso no hialoplasma, pero tamén carecen doutros moitos orgánulos
celulares típicos das células eucariotas, os orgánulos membranosos. A maioría das veces
son unicelulares, pero as veces agrúpanse formando colonias, como as cianofíceas, que
forman colonias filamentosas de cor azul verdosa. Nunca forman tecidos.
As células procariotas, semellan ser moi sinxelas pero o seu metabolismos é moi complexo,
grazas a isto son capaces de automanterse con moitos menos orgánulos cas células
eucariotas, e ademais replicarse e relacionarse.
AS ARQUEOBACTERIAS E MYCOPLASMAS
As arqueas son das células máis primitivas que se coñecen (archea = antigo). Considéranse
descendentes dos primeiros poboadores da Terra, habitantes de medios con condicións moi
extremas, quizais semellantes ó ambiente predominante hai 4000 millóns de anos. Posúen
unha estrutura procariota típica aínda que, non teñen peptidoglicano na súa parede, a súa
membrana plasmática posúe lípidos exclusivos e atópanse en ambientes extremos.
Entre as arqueas inclúense as bacterias metanóxenas, viven en ambientes anaeroboios e
producen metano, as bacterias termoacidófilas que viven en augas moi ácidas e quentes,
máis de 90ºC e as bacterias halófitas que viven en ambientes con altas concentracións de
sal como as salinas, ás que dan cores característicos. En todos os casos o seu
metabolismo está orientado a obter enerxía por vías quimiosintéticas sen a participación do
osíxeno.
Os Micoplasmas ou Mollicutes son bacterias de pequeno tamaño, sen parede celular. A
ausencia desta estrutura ríxida fai que presenten formas distintas, dependendo das
condicións ambientais. Son pleomórficas.
ESTRUTURA DA CÉLULA PROCARIOTA
Os procariotas son microorganismos moi
abundeantes e estendidos polo planeta, tanto na
auga, como no aire, como no solo. Hainas tanto
beneficiosas para o home coma prexudiciais.
81
, Para explica-la estrutura da célula procariota tomaremos como exemplo a estrutura que
presenta unha eubacteria típica.
Os principais compoñentes das bacterias son:
➔ Cápsula, formada por glícidos complexos (polisacáridos de glicosa, frutosa e
derivados destes azucres). É unha capa laxa de material xelatinoso e pegañento de
espesura variable. Só está presente nalgunhas bacterias, especialmente en
especies patóxenas, protexéndoas da deshidratación e dos ataques inmunolóxicos
dos organismos que parasitan. Unhas das funcións desta cápsula é a de permitir a
adhesión e a fixación ás células hóspedes.
➔ Parede, moi distinta da vexetal. Está ausente nos Micoplasma. Localizada por fóra
da membrana plasmática. É ríxida e fai dúas funcións principais: dar forma e manter
a célula e regular o intercambio de substancias co exterior, complementando a
membrana plasmática.
➔ Membrana plasmática, semellante á das células eucariotas. A maior diferenza
reside na composición dos lípidos, detacando a ausencia de colesterol. Presenta
ademais uns repregues cara ó interior (citoplasma) que se denominan mesosomas.
➔ Citoplasma, non está dividido en compartimentos por medio de membranas, nin
posúe orgánulos propiamente ditos. Con:
◆ Protoplasma, disolución acuosa de composición variada, con numerosas
proteínas que lle dan un aspecto xelatinoso.
◆ Ribosomas bacterianos, de tipo 70 S máis pequenos cós de eucariotas.
◆ Material xenético, é un único cromosoma circular de ADN, non
empaquetado con histonas, localizado nunha zona interna menos densa co
resto do citoplasma (denominada nucleoide). Denomínase cromosoma
bacteriano. Presentan ademais un ou varios plásmidos, pequenos
fragmentos de ADN circular bicatenario extracromosómicos que se poden
intercambiar con outras bacterias nun proceso denominado conxugación
bacteriana. Tamén pode suceder co plásmido se integre no cromosoma
bacteriano, en cuxo caso o fragmento de ADN integrado recibe o nome de
episoma.
82